Indica publicitat
Dilluns, 21 de maig del 2012
CASTELLANO  |  ENGLISH  |  GALEGO  |  FRANÇAIS
tribuna.cat en format PDF
Cerca
Divendres, 2 de juliol del 2010 | 14:15
Crònica · Galiza

O PP apoia grupos antiabortistas con fondos públicos

Supuxeron unha aposta arriscada do BNG na Xunta e suscitaron o interese doutras autonomías. No 2006, a creación dos centros Quérote remataba coa

exclusión da sexualidade na axenda do Goberno galego. A exaculación precoz, as enfermidades de transmisión sexual, a prevención do embarazo ou o aborto deixaron de considerarse tabús, mais desde a chegada do PP a San Caetano, volven ficar no silencio. Namentres, os votos dos populares aprobaron no Parlamento unha lei impulsada por asociacións antiabortistas que agocha a creación e o financiamento con fondos públicos dunha rede privada de apoio ás mulleres embarazadas.

Até o de agora, tamén os centros Quérote fornecían información e protección neste sentido e non "obrigaban" a abortar as mozas -como acusou o bipartito Paula Prado, deputada do PP. Durante o debate no Pleno da Cámara, Prado aplaudiu a norma ao entender que "axudará a solucionar o problema demográfico" de Galiza. Entre o balbordo do hemiciclo, as bancadas socialistas e as nacionalistas afanáronse en censurar unha lei que "retrotrae, con conceptos rancios, unha carga de moralidade inaceptábel" e que "non respecta a liberdade para decidir". O texto da norma impulsada por colectivos contrarios ao aborto incide na "información" ás mulleres en estado. Porén, nada di de axudas ás nais e aos pais nin de novas medidas que garantan a conciliación familiar e laboral.

Pontón: "Os abortos diminuíron co bipartito"

Baixan os abortos
A parlamentar do PSdeG, Silvia Fraga, instou o PP a "deixar de tratar as mulleres de xeito paternalista" e acusou os conservadores de intentar boicotear a Lei do Aborto aprobada no Congreso dos Deputados -que estabelece que a interrupción voluntaria do embarazo e un dereito, nunca unha obriga. Na mesma liña, a viceportavoz do BNG no Parlamento, Ana Pontón, criticou que se financie con diñeiro dos galegos e galegas asociacións contra o aborto, "mentres que os centros Quérote, que traballan na prevención, están paralizados". Pontón lembra que o único período no que diminuíu o número de abortos foi durante o bipartito, "o que demostra que investir neste ámbito contribúe a evitar os embarazos non desexados". Os datos do Ministerio de Igualdade revelan que as interrupcións voluntarias pasaron de 2.546 no 2007 a 1.981 -a segunda cifra máis baixa do rexistro histórico- no 2008, último ano do que se posúe información.

"Sexualidade pervertida"

As mesmas organizacións ultraconservadoras que participaron na recollida de sinaturas a prol da lei de protección á muller embarazada criticaron con dureza os centros Quérote desde a súa aparición. En marzo deste mesmo ano, Hazte Oír -do Foro Español da Familia- pediulle á Xunta que non promovese "unha sexualidade pervertida entre os adolescentes". Esta entidade -que abrangue posturas que oscilan entre o Opus Dei e os Lexionarios de Cristo- considera a homosexualidade como patoloxía e rexeita toda política de tendencia liberal ou progresista. Nin sequera acepta a existencia do aborto terapéutico, aquel xustificado por razóns médicas ao quedar en perigo a nai ou o bebé. Algúns dos integrantes de Hazte Oír, que acusan o PP de "acomplexado", militan en partidos como a Comunión Tradicionalista Carlista, a Alternativa Española ou Familia y Vida.

Os centros Quérote transcenderán o asesoramento afectivo-sexual para atender a seguridade viaria ou a drogodependencia

Freo ás actividades
Á falta de promoción que padecen os Quérote súmanse as novas tarefas que deben desempeñar a partir de agora os técnicos contratados pola Dirección Xeral de Xuventude, como os cursos de condución segura, sobre a drogodependencia ou a bulimia. No que vai de lexislatura, a Xunta lonxe de desenvolver campañas para facer visíbeis os centros, optou por limitarlles o servizo, como no caso da Coruña e de Burela, onde deixaron de abrilos acotío. E iso malia as advertencias de médicos e educadores, que alertan de que os adolescentes carecen dunha formación axeitada en sexualidade. A falta de interese que suscita a rede de asesoramento afectivo-sexual no Goberno queda plasmada na propia web, que só recolle tres noticias desde a chegada do PP a San Caetano.


Tamén se advirte na modificación dos convenios sobre o asesoramento xurídico de gais, lesbianas e transexuais (LGBT), colectivo que, segundo fontes próximas aos centros, está a ser esquecido. A propia Consellaría de Traballo e Benestar confirmou as novidades desta rede de centros, que agora se presentan baixo a etiqueta Quérote +. O que foi un impulso á sexualidade responsábel e segura pasa a converterse nun servizo que ofrecerá "unha orientación en máis eidos", en palabras da consellaría.  

Versió PDF Imprimeix
Indica publicitat
Av. Gaudí, 13 1r 2a
08025 Barcelona
(+34) 93 454 97 02
(+34) 93 454 97 03
redaccio@tribuna.cat
Amb el suport de:
Generalitat de Catalunya  Dept. de Cultura i Mitjans de Comunicaci Diputaci de Barcelona