A condena do franquismo por parte dos 'populares' galegos provocou reaccións na dirección estatal. O vicesecretario de comunicación do PP, Esteban González Pons, dixo que o seu partido "viuse forzado polo BNG e polo PSOE a apoiar unha proposta algo confusa". González Pons atribuíu a decisión "á situación parlamentaria dos populares galegos".
A resolución que votaron PSdeG, BNG e PPdeG recolle que se "insta á Xunta de Galicia a proseguir coas accións dirixidas a recuperar e dignificar a memoria das vítimas da represión exercida durante a Guerra Civil e durante o franquismo, eliminar os símbolos, denominacións e referencias franquistas das rúas e edificios públicos, así como colaborar na identificación dos desaparecidos e enterrados en fosas comúns durante a ditadura franquista, que este Parlamento, unha vez máis, condena".
O portavoz do Grupo Popular, Manuel Ruiz, agradeceulle ás outras formacións "que soubesen pór todas as vítimas nun plano de igualdade", referíndose á modificación na que se cambiou a frase "vítimas da represión franquista" por "vítimas da represión na Guerra Civil e o franquismo".
Pola súa banda, o portavoz nacionalista, Carlos Aymerich, considerou que supuxo "unha boa ocasión para sumarnos todos e ter todos esa identidade clara e nitidamente democrática", ademais de "resolver vellas cuitas", en alusión á marcha dos deputados do PPdeG do hemiciclo no pleno da semana pasada despois de que o nacionalista lles dixese que viñan do franquismo.
Finalmente, o viceportavoz do Grupo do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga, sinalou que é positivo que o PP "asuma os efectos da Lei de Memoria Histórica para condenar a represión", algo que para el "é de xustiza para as vítimas".
Consenso no Plano de Normalización
Os tres grupos parlamentarios tamén recuperaron o consenso en materia lingüística só no que atinxe ao Plano de Normalizaciión. Así, socialistas, nacionalistas e 'populares' instan a Xunta a seguir aplicando o Plan de Normalización Lingüística, "aprobado unanimemente polo Parlamento e que indicou o camiño de aproximación, pactos e consenso que deben permitir o impulso da lingua galega dentro do respecto aos dereitos de todos e de acordo co Estatuto de Autonomía".
Así, o portavoz do Bloque considerou que o acordo servirá de "base para o consenso", xa que desta forma a formación que preside Alberte Núñez Feixóo "asume o plan", a protección dos dereitos lingüísticos de todos e o que estabelece o artigo 5 do Estatuto galego, onde se proclama que a lingua propia do país é o galego.
Malia que o PPdeG se posicionou a favor do Plano de Normalización Lingüística, os 'populares' recoñeceron a súa intención de derrogar o decreto do galego no ensino. "Vostedes, no pouco tempo que levan, perderon ou non foron capaces de seguir garantindo a harmonía lingüística no país", díxolles o portavoz do PPdeG no Parlamento aos socios da Xunta.
Onte, o presidente dos 'populares' galegos ratificou as palabras de Ruiz Rivas nunha rolda de prensa na que advertiu de que "en canto chegue ao Goberno" derrogará o decreto que regula o uso do galego no ensino. Feixóo considera que esta norma "marxina pais e fillos" na escola.