Traballou nas embaixadas de Bonn e Kuwait e foi o responsábel de Asuntos Culturais do Consulado de España en Nova York. Porén, a dilatada traxectoria diplomática non lle valeu ao conselleiro de Cultura, Roberto Varela, para responder ante os seus erros e para admitir perante o Parlamento que "españolizara" Sobrado dos Monxes como Desván de los Monjes e Touro como Toro nunha intervención o pasado 20 de xaneiro en Fitur. "Hai que ser estúpido para crer que eu dixen Desván de los Monjes", mentía ante a oposición durante o Pleno celebrado o 24 de febreiro. "Aconséllolles que deixen de buscar lixo na internet", engadía o responsábel de Cultura.
Até a pasada fin de semana, ningún testemuño documental podía demostrar as deturpacións do conselleiro. Todo se reducía ás conversas privadas e a un artigo de opinión do socialista Iván Puentes publicado na páxina web de A Nosa Terra o 29 de xaneiro, no que o rexedor das Pontes aseguraba ter oído en boca de Varela Desván de los Monjes e Toro. Apenas 15 días despois de negalo perante a máxima institución do país, un vídeo colgado na web institucional http://www.galiciavenysientela.com/ daba conta das deturpacións toponímicas cometidas polo responsábel de Cultura. Con total normalidade, Varela citaba nunha conferencia "las tierras de Arzúa, Boimorto, Boqueixón, Melide, O Pino, Santiso, Desván de los Monjes, Toques, Toro, Vedra y Vilasantar".
Cultura culpa o tradutor
A través dun comunicado, a Consellaría de Cultura desculpou o responsábel da Xunta e atribuíu ao "inconsciente" do conselleiro a mentira no Pazo do Hórreo. O gabinete tamén culpou do "erro" de Varela á informática. Cultura sinala que o discurso lido polo conselleiro en Madrid fora redactado en galego e traducido "esa mesma tarde cun tradutor automático". Unha vez demostrado en vídeo, o desatino de Roberto Varela pasará á historia como un despropósito máis da carteira que dirixe. "Desván de los Monjes" sumarase aos disparates de Xesús Pérez Varela. O que fora conselleiro no Goberno de Fraga falara dos cantos medievais Carmina Burana como "unha das boas cantantes deste país", chegou a cambiarlle o sexo á cantante irlandesa Sinead O'Connor, á que bautizou como Ocono, e converteu a Berrogüeto en Berrugueto.
O tradutor da Xunta españoliza os topónimos¡
Das ferramentas que traducen en liña do galego ao español, só a empregada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística troca Sobrado dos Monxes por Desván de los Monjes. O tradutor que oferta o Goberno galego foi contratado polo Executivo de Fraga, a través do Centro Ramón Piñeiro, á empresa catalá Incyta -chamada despois Transledium e agora Lucy Software- por un prezo considerábel. A Xunta trataba entón de contrarrestar o proxecto da Universidade de Vigo, con fondos do Ministerio de Industria, que traballaba na posta en funcionamento do Apertium, tecnoloxía na que se baseou o sistema de tradución Opentrad, presentado no 2005.
A diferenza do tradutor da Universidade de Vigo, de código aberto para facer sobre el toda caste de modificacións, o empregado pola Xunta é un sistema pechado que, para calquera actualización, require de novos pagamentos á empresa matriz. Ao contrario que acontece co da Xunta, os tradutores renóvanse co paso do tempo e adáptanse aos antropónimos máis usuais e aos neoloxismos. Así, na actualidade, o Apertium recoñece o apelido Zapatero e non aplica Zapateiro para se referir ao presidente do Goberno español. Tamén incorporou ao sistema o Nomenclátor, de xeito que evita traducións non desexadas como a de Desván de los Monjes ou a de Toro.