O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, anunciou onte a data dos comicios galegos. Segundo apuntou o socialista no último Pleno do Parlamento, os galegos elixirán o seu Goberno o vindeiro 1 de marzo. Con este calendario, a campaña electoral arrincará en Galiza o 13 de febreiro, oficialmente ás 00.00 horas do venres e concluirá dúas semanas despois, o venres día 27, de forma que a última semana na que os políticos poden pedir o voto aos galegos coincidirá co Entroido. Entre o 31 de decembro e o 6 de xaneiro, Touriño deberá asinar o decreto de convocatoria destes comicios.
Emilio Pérez Touriño comezou onte a súa intervención no Parlamento co anuncio da data, logo de ser acusado polo líder da oposición de presidir unha lexislatura cunha herdanza de "decadencia económica" e de "descontento". O socialista respondeulle a Feixóo que estes tres anos e medio de lexislatura foron dunha Galiza que "avanza e progresa". O popular insistiu en que "todo" o país "preguntouse quen gobernos nestes catro anos. "Galiza non pode entender que o presidente non despache coa metade do Goberno porque era nacionalista", recriminoulle. Feixóo tamén aproveitou para ironizar con que "non lle respecta nin o vicepresidente do seu Executivo".
O vicepresidente da Xunta e portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, asegurou que a formación que lidera enfróntase ás eleccións de marzo como unha "forza política en ascenso" e pediulles a "confianza" aos cidadáns para continuar o seu proxecto na vindeira lexislatura. O portavoz do BNG apuntou que o Bloque "prometeu unha revolución tranquila" nesta lexislatura e "que Galiza sexa respectada no Estado". A ese respecto, sinalou que a súa formación política puxo en marcha "cambios estruturais importantes" naquelas áreas nas que goberna, e concluíu que "agora Galiza decide en Madrid". Quintana asegurou que a sociedade galega "ve un BNG que cumpre, que fai política para a xente e que lle dá estabilidade ao Goberno". "Imos enfrontar as eleccións do 1 de marzo coa máxima ilusión e sabedores de que estamos nun bo momento político", engadiu.