Indica publicitat
Dimecres, 8 de de juny del 2022
CASTELLANO  |  ENGLISH  |  GALEGO  |  FRANÇAIS
tribuna.cat en format PDF
Cerca
Divendres, 24 de d'octubre del 2008 | 14:07
Crònica · Galiza

Feminismo e soberanía alimentaria mestúranse na Galiza

Unha marea de mil cores, entre a que destacaba o violeta, percorreu as principais rúas de Vigo o pasado domingo baixo o lema "Marcha con nós para cambiar o mundo". Cánticos contra o patriarcado, contra a violencia de xénero, contra o capitalismo e contra a penalización do aborto xurdían entre varios milleiros de persoas, mulleres e homes, que tamén clamaban pola soberanía alimentaria.

 

 

Precisamente, o dereito dos pobos a definir as súas propias políticas agrarias e alimentarias de acordo co desenvolvemento sostíbel e coa seguridade alimentaria centrou o VII Encontro da rede feminista máis estendida do mundo, a Marcha Mundial das Mulleres, que desta vez se celebrou na Galiza e que culminou, despois de numerosas xornadas de debate, nunha manifestación pola cidade olívica.

  

A marcha comezaba cunha creación composta por sandalias e pedras dos cinco continentes que simbolizaban o camiño que as mulleres perseguen en defensa dos seus dereitos e dun mundo mellor. Pechábase coa intervención de Tareixa Otero, representante da Galiza, de Caridad Ynares, das Filipinas, e de Nana Aicha Cissé, de Malí, que coas súas verbas lles transmitiron ás asistentes a esencia da Marcha Mundial das Mulleres, cambiar o mundo para cambiar a vida das mulleres, cambiar a vida das mulleres para cambiar o mundo.

  Na manifestación participaron numerosos representantes políticos, a maioría do BNG. Non se vía rastro de políticos do PP e apenas había unha ou dúas representantes do PSOE. Entre os nacionalistas atopábanse o vicepresidente da Xunta e portavoz nacional, Anxo Quintana, que en declaracións aos medios ao comezo do acto apuntaba que "a loita pola igualdade de dereitos e oportunidades entre homes e mulleres é unha das máis dignas que hai", e recordou que "un país que quere ter futuro non pode desperdiciar ao 50 por cento do seu capital humano, que son as mulleres". Así mesmo, o líder nacionalista proclamou que é "un orgullo" que Galiza estea "na vangarda da loita pola igualdade de dereitos", e que sexa sede, unha vez máis, dun encontro da Marcha Mundial das Mulleres. "A súa loita é boa, non só para as mulleres, senón tamén para o conxunto da sociedade", engadiu.  

Atrás quedaban as xornadas de debate das que emanaron varios documentos, entre os que destaca o Informe de Europa, centrado na crise financeira, e a presentación dun libro que conmemora o décimo aniversario desta rede. A traxectoria do feminismo na Galiza, a violencia machista, a loita antisistema, a paz, a desmilitarización e as novas liñas de acción das mulleres foron analizadas polas participantes do encontro.

 


 

Foro de Soberanía Alimentaria Mulleres de colectivos e organizacións de Galiza, de Catalunya, de Francia, de Malí, das Filipinas, de México e do Ecuador analizaron as realidades da soberanía alimentaria dentro do ciclo de conferencias 'conversas con' no Foro de Soberanía Alimentaria. Baixo o título "Soberanía alimentaria: un dereito dos pobos, unha ferramenta para as mulleres", Irene León, socióloga ecuatoriana apuntou que cómpre facer visíbel o traballo das mulleres na agricultura. Pola súa banda, Lidia Senra, a representante do Sindicato Labrego Galego (SLG), instou a favorecer as producións sustentábeis e a evitar que o diñeiro público fomente o agronegocio a través da produción de alimentos industrializada. Gladys Alfaro, delegada mexicana da MMM, demostrou a través dun vídeo, como foi posíbel mellorar as condicións de vida da comunidade en Chiapas a través da capacitación das mulleres e da súa formación.
Caridad Ynares, avogada e delegada da Marcha Mundial das Mulleres nas Filipinas, transmitiulle aos centos de persoas que ateigaron o auditorio as liñas de acción da súa organización, Sarilaya, que promove a axuda ao rural, forma as labregas e labregos e loita contra os produtos transxénicos e contra as multinacionais. Nana Aicha Cissé, membro da MMM de Malí, falou sobre a realidade do seus país e dos programas de creación de infraestruturas de irrigación. Denise Vuillon, representante francesa, tratou na conferencia un proxecto novo que permite consumir os produtos tal e como son, sen manipulacións.


Esther Vivas, coordinadora catalá da Rede de Consumo Solidario, analizou o traballo da súa organización desde o ano 1996, baixo os principios da soberanía alimentaria e o comercio xusto. Por último, Rosario Sánchez , representante galega da iniciativa O Grelo Verde, explicou a introdución dos alimentos locais nos comedores escolares nesta conferencia celebrada baixo o lema "Construíndo soberanía alimentaria, realidades e proxectos".

Versió PDF Imprimeix
Col·labora amb Tribuna.cat
Si vols fer una aportació econòmica, emplena les següents dades, escull la quantitat econòmica que vols aportar i el mètode de pagament que prefereixis. Estem molt agraïts per la teva col·laboració.
COL·LABORA-HI
Indica publicitat