Colectivos de sociólogos e sexólogos pronunciáronse nos últimos días contra as acusacións da responsábel da asociación viguesa Alecrín, Ana Míguez, sobre o congreso 'Sexuando', organizado pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade. No marco das I Xornadas de Mocidade e Sexualidade "Sexuando", a responsábel da asociación viguesa Alecrín, Ana Míguez, acusou a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar de "apoloxía da prostitución" ao ter convidado ás xornadas a sexóloga e escritora Valerie Tasso. A responsábel da asociación acusou a organización de "confundir sexualidade con prostitución".
Nesta liña, Míguez sinalou que Tasso traslada a imaxe de que "a prostitución é boa" e mesmo que unha muller que chegou a exercela "é chamada polas institucións". Da sexóloga dixo que é "unha militante activa en favor da legalización da prostitución" e que as súas opinións "pseudo científicas "poden vulnerar dereitos fundamentais das mulleres".
As declaracións de Ana Míguez están a suscitar o malestar de diferentes colectivos e asociacións de profesionais que traballan no eido afectivo-sexual. Entidades como a Asociación Española de Profesionales de la Sexología, a Sociedade Galega de Contracepción e a Sociedade Galega de Sexoloxía amosaron o seu rexeitamento á postura de Alecrín, que parte do descoñecemento dos obxectivos e dos contidos das xornadas, ás que asistiron unhas 200 persoas, a maior parte profesionais do campo.
Nunha nota de prensa, a Sociedade Galega de Sexoloxía dá a coñecer o "asombro á polémica suscitada pola denuncia presentada pola Asociación Alecrín polo que parece ser unha loita de poder político máis que un debate argumentado sobre a Sexualidade e a Educación Sexual". Ademais de subliñar que a finalidade das xornadas "Sexuando" era a de normalizar os temas sexuais, a Sociedade Galego de Sexoloxía fixo fincapé en que a conferencia "nada tiña que ver co tema da prostitución". Sobre Valerie Tasso, a organización apuntou que se trata dunha persoa "con estudos e preparación contrastados no campo da Sexualidade Humana", de xeito que "nos parece só un intento de estigmatizar alguén polo seu pasado." Nesta liña pregúntase "que sentido pode ter que sexa denunciado precisamente polo colectivo que supostamente máis traballa a favor da reinserción?".
A Asociación Española de Profesionales de la Sexología deu a coñecer a súa desconformidade coas manifestacións de Míguez, "que non fan senón deixar claro un total descoñecemento da natureza das devanditas xornadas Sexuando, do programa que alí se desenvolveu, así como do que é a sexoloxía e dos criterios de profesionalidade para poder exercer como sexólogo ou sexóloga". "En ningún momento se fixo ningún tipo de apoloxía nin subliminal nin explícita posto que se nos convocou en tanto que profesionais para expoñer cuestións relativas á nosa profesión", recolle un comunicado. Ademais, incide en que Valerie Tasso "non verte ningún tipo de opinión pseudo-científica" xa que o fai "desde a autoridade que lle confiren os seus estudos e a súa profesión sexolóxica". E é que Tasso cursou os seus anos de Posgrao en Sexoloxía na Universidade de Alcalá de Henares.