Transcorreron nove séculos, mais os 5.500 habitantes de Valverde do Fresno, San Martiño de Trebello e das Ellas empregan acotío tres variedades do antigo galego, o valverdeiro, o mañego e o lagarteiro. Os veciños do Val do Ellas non se consideran cacereños, nin portugueses, son dos "Tres Lugaris". Asunción, unha muller de 57 anos que vive en Valverde, explica que non viaxa a Cáceres, senón a "Estremadura", e non merca en Ciudad Rodrigo -Salamanca-, senón en "Castela". Tampouco fala castelán, nin portugués "falo coma vós", responde satisfeita. Ao igual que Asunción, o 98% dos habitantes deste recanto noroccidental da actual provincia de Cáceres emprega estas variedades de galego.
Os tres concellos forman o Val de Xálima, unha cunca natural perfectamente delimitada e afastada dos territorios de lingua castelá. Estas dificultades orográficas permitiron que o galego ficase atrapado no tempo entre estas montañas da Serra de Gata. Hoxe en día aínda se rexistra numeroso léxico galego, toponimia e patronimia. Mesmo permanecen vivos numerosos arcaísmos que non sobreviviron na Galiza actual, como agó (agora). Son frecuentes as anécdotas sobre parellas que se coñeceron na emigración e que compartían o mesmo idioma, ou as da mili. Porén, non é necesario retroceder no tempo para advertir que o galego perdura no Val de Xálima e que resiste ao castelán mesmo mellor que en moitas vilas de Galiza. A seis horas de chegarmos a Valverde do Fresno, o café "con leche" que nos ofertaba un bar vigués convertíase no café con "con leiti" valverdeiro.
Orgullo polo idioma
Visitar por vez primeira os "Tres Lugaris" tradúcese nunha amálgama de estrañeza, sorpresa e satisfacción. Non só é posíbel escoitar os vellos do lugar recomendándolles aos "viciñus" que recollan os "cabalus" porque o "ceu" está cuberto e ameaza a "chuva". Tamén pode comprobarse como os estudantes empregan esta fala para conversar namentres agardan a que se poña a "noiti" para ir á discoteca. Ao contrario que acontece entre boa parte da poboación de Galiza, nos "Tres Lugaris" gábanse de falar "galego", unha fala que, malia non ser oficial, é empregada, xunto ao español, nos bandos ou nos anuncios dos concellos. Tamén decora con letras as rúas das Ellas e de San Martiño e serve de nome de perruquerías, bares ou librarías. No Val do Ellas falan galego "porque é a nosa lingua e porque así nolo transmitiron os nosos pais". A conciencia dos habitantes do Val do Xálima respecto ao idioma é natural. De aí que os expertos aseguren que sería máis doado que desaparecese o galego na Coruña que nos "Tres Lugaris".
galego?
Os estudos dos últimos anos confirman a "galeguidade" innegábel destas falas. O catedrático de Filoloxía Galega e director da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, Henrique Costas, viaxa con frecuencia desde hai 18 anos aos "Tres Lugaris", onde ten constatado que estas falas "representan unha maqueta de moitos fenómenos dialectais, fonéticos, morfolóxicos e léxicos, esparexidos polo noso dominio lingüístico actual". Nos últimos tempos, circula por Galiza a teoría de que as falas son galegas por seren primitivo portugués españolizado.
Costas rexeita a afirmación e lembra que estas terras do Val de Xálima "nunca foron repoboadas por habitantes lusos nin pertenceron á coroa portuguesa". "Do enxerto dun bacelo galego que xermolou en terras do norte de Estremadura", así ilustra Costas o nacemento destas linguas. E é que o valverdeiro, o mañego e o lagarteiro teñen a súa orixe nas colonizacións das áreas conquistadas aos musulmáns nos séculos XII e XIII polos reis galego-astur-leoneses. Tipoloxicamente, segundo os estudos de Costas, as falas do Val do Río Ellas "son unha póla do antigo galego que xermolou en terras de repoboación". O decorrer do tempo non impediu que as pegadas da nosa lingua sigan presentes até nas letras de cantares, caso da canción "Se vas a San Benitiño, non vaias ao de Paredes, que é moito máis milagreiro San Benitiño do Lérez".
A Junta non protexe a fala
O son destas tres falas corre perigo. Coa mellora das comunicacións, o incremento das relacións comerciais, a expansión dos medios de comunicación, a escola, a Igrexa, a Administración... produciuse unha entrada brutal de castelanismos no idioma dos máis novos. Pola outra banda, as autoridades estremeñas non se interesan pola protección e difusión do galego falado nestes territorios e mesmo negan politicamente que o falado no Val do Ellas sexa lingüisticamente galego. Como mostra, Costas lembra que no curso 2007-2008 "houbo un intento de introdución da lingua na escola que non prosperou por decisión administrativa".
Daquela, introduciuse o estudo das falas do Val do Ellas como materia extraescolar cunha matriculación do 100% do alumnado nos tres colexios dos tres concellos. "A raíz disto, inexplicabelmente (ou non), a Junta de Extremadura retirou a subvención para esta actividade e nunca máis se puido volver impartir", denuncia. O galego falado en Cáceres só foi recoñecido -a instancias de Galiza-, no último Informe do Consello de Europa, de 2008. Porén, non se lles está a aplicar a estas variedades lingüísticas a Parte II da Carta Europea das Linguas Minoritarias, que garante uns mínimos de protección para as falas rexionais que non gozan da oficialidade.