A mes e medio para as vindeiras eleccións en Galiza os partidos quentan motores de cara á campaña electoral. Na última semana centráronse en argallar os debates electorais. Desde o primeiro momento, o líder do PPdeG, Alberte Núñez Feixóo, formulou a necesidade de que, ademais dun debate a tres bandas, se produza un cara a cara entre o líder 'popular' e o actual titular do Goberno galego, Emilio Pérez Touriño. O conservador amósase partidario dun encontro televisivo entre "as dúas persoas que poden ser presidentes de Galiza", en alusión a Touriño e a el mesmo e deixando á marxe ao nacionalista Anxo Quintana.
Ao igual que o PPdeG, a Televisión Española (TVE) busca organizar un debate entre o lídere do PSdeG e o dos populares. Nunha nota de prensa, o ente recolle que, ao igual que aconteceu nas eleccións xerais, o cara a cara será "entre os dous candidatos representantes das formacións con maior número de votos" e cita a Emilio Pérez Touriño e a Alberte Núñez Feixóo. Ademais deste espazo televisivo que enfrontaría o socialista co popular, TVE quere emitir "un debate con todos os partidos parlamentarios", no que se atoparía o líder do BNG Anxo Quintana pero con outras formacións que hoxe non están presentes no Parlamento Galego como Esquerda Unida ou Terra Galega.
Para o BNG, o modelo que propón o ente público español "é un ilegalidade e unha fraude ao pluralismo informativo que a sociedade galega non vai permitir". O portavoz nacionalista no Congreso dos Deputados criticou que "o BNG decatouse desta proposta impresentábel en termos democráticos non por vía oficial, senón a través da web do ente público". "TVE non entende que Galiza non é Madrid e que os galegos e galegas elixiron un mapa político propio".
O BNG considera que a estratexia da Televisión Española está ao servizo dos que queren desgaleguizar as eleccións galegas e de que Galiza non teña espazo político propio. "Queren trasladar a Galiza o bipartidismo estatal PP-PSOE como se Galiza non tivese unha dinámica política propia que claramente é a tres. un atentado contra o pluralismo político", advertiu Jorquera. Ante a actuación de RTVE, o deputado anunciou que "o BNG vai estabelecer contacto con representantes do PP e do PSOE para consensuar o modelo de debate electoral".
No que atinxe á pretensión de Feixóo de organizar un cara a cara entre populares e socialistas Jorquera lembrou "a teima obsesiva de Alberte Núñez Feixóo de excluír a Anxo Quintana dos debates electorais porque sabe que vai perder e para evitalo pretende facer trampa".
A proposta do BNG é que se fagan dous debates cos líderes das tres forzas políticas galegas, un de política xeral galega e outro sobre a crise económica, "porque pensamos que é un asunto que lle preocupa e moito á sociedade e, polo tanto, merece un debate propio sobre as medidas propostas polos distintos partidos". "De non prosperar esta negociación, o BNG recorrerá a todos os instrumentos xurídicos e legais para que prevaleza o dereito dos cidadáns a unha información plural", advertiu.