Indica publicitat
Dimecres, 8 de de juny del 2022
CASTELLANO  |  ENGLISH  |  GALEGO  |  FRANÇAIS
tribuna.cat en format PDF
Cerca
Divendres, 15 de de maig del 2009 | 14:08
Crònica · Galiza

Guillerme Vázquez, portavoz nacional do BNG nunha semana marcada pola lingua

O BNG vén de iniciar unha nova andaina desde que se celebrou o pasado domingo a Asemblea Nacional Extraordinaria da que saíu o substituto de Anxo Quintana, o ex parlamentar no Congreso dos Deputados Guillerme Vázquez.

Á asemblea concorrían catro listas, a Alternativa pola Unidade (ApU), liderada por Guillerme Vázquez e impulsada pola UPG e por militantes non inscritos a ningunha corrente dentro da formación frontista; Máis BNG, dos chamados "quintanistas" e encabezada polo portavoz do BNG no Parlamento galego, Carlos Aymerich; as Listas Abertas do Encontro Irmandiño, lideradas por Xosé Manuel Beiras; e Máis Alá, creada polo Movemento Galego ao Socialismo.

Foi a Alternativa a lista que sumou a meirande parte dos representantes da nova Executiva do BNG, o 55 por cento dos votos e oito representantes na nova Executiva. A lista de Aymerich recadou o 44 por cento das papeletas e sete representantes na cúpula da organización. O colectivo abertamente crítico de Beiras, o Encontro Irmandiño, non está representado na nova Executiva ao non terse integrado finalmente na lista da Alternativa, como si o fixo Máis Alá. Na súa última intervención na asemblea, Beiras chamou a "non participar na Executiva". No primeiro discurso como portavoz do BNG, Guillerme Vázquez instou a militancia a "recuperar a unidade entre nacionalismo político e nacionalismo social".

"A partir de agora traballaremos por un único Bloque, con unidade e fraternidade". "Serei humilde e traballarei como o primeiro militante", asegurou. Na súa intervención, a ideoloxía gozou dun papel fundamental, "o BNG é unha forza transformadora da sociedade. Non estamos en política para simplemente reducir a ideoloxía dominante, que é conservadora e antinacionalista". Ademais de reivindicar a liberación dos pobos, como o Sáhara e Cuba, Vázquez atacou duramente as políticas neoliberais. A crítica ao novo Executivo da Xunta centrou parte do discurso.

"Non saben o que queren, só o que non queren. Non queren que os nosos nenos e nenas aprendan galego", apuntou. Guillerme Vázquez tamén lembrou que algúns dos conselleiros do actual Goberno non empregan a nosa lingua nas súas intervencións. "Nin sequera fan un esforzo por usalo dun xeito habitual". Con todo, advertiulles aos militantes que "o PP é derrotábel. Sabémolo e loitaremos por conseguilo".

Manifestación a prol do galego
E para evitar que os populares marxinen o idioma, a sociedade ten unha cita este domingo, 17 de maio, o Día das Letras, na manifestación convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística. E é que en Galiza comezamos a advertir as manobras do PP para desmantelar aspectos centrais da oficialidade do idioma. Ademais de impedirnos o dereito a vivir na nosa lingua, mesmo coa intención de derrogar o decreto que a regula o seu uso no ensino, onde nin sequera se imparte a metade das materias en galego, tentan reabrir feridas que xa estaban pechadas.

Onte mesmo, o presidente da Xunta, Alberte Núñez Feixóo, abríalle as portas aos topónimos deturpados. "La Coruña" podería volver ser oficial se prosperan os plans do PP. No Consello da Xunta, o conservador confirmou que apoiará a decisión que tomen os concellos verbo do nome das súas vilas. Como recolle a Mesa no seu manifesto, "nos últimos meses, repetiuse desde diferentes grupos de poder a falaz idea de que hai un proceso de imposición del gallego, presentando, con cinismo, o mundo ao revés. A realidade do día a día e todos os estudos sobre o tema desmontan esa mentira.

Así, o Consello de Europa advertiu nun contundente informe de finais de 2008 que en Galiza non se están a cumprir tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos e que non hai garantías mínimas para este idioma en sectores tan importantes como o sistema educativo, os servizos públicos, a xustiza ou os medios de comunicación". Mesmo a Real Academia Galega deu a coñecer nos últimos días un estudo no que recolle que en 12 anos se reduciu á metade o número de persoas que falan habitualmente en galego. Malia que Feixóo presumiu de elixir un "independente" como responsábel do departamento de Política Lingüística, un filólogo que colaborou co PsdeG, é cada vez máis evidente o obxectivo do PP, eliminar o xa de por si escaso marco legal da lingua.

Mobilización tamén en Barcelona
A manifestación pola lingua de Compostela terá a súa réplica en Barcelona, no Centro Galego da capital catalá. A convocatoria da concentración xurdiu dun grupo de colectivos vinculados ao tecido asociativo cultural de Barcelona. Baixo o lema Defensem la Llengua Gallega, a mobilización terá lugar ás 12 horas do domingo 17 na Rambla dels Caputxins, nº 37 de Barcelona. Apoian a convocatoria entidades como o Centro Galego de Barcelona, o Foro Cívico, a sección de Filoloxía Galega da UB, o Lectorado de galego da UAB, Espazos Radiofónicos Galegos en Catalunya, o Proxecto Galauda, CIEMEN, a Coordinadora d'Associacions per la Llengua Catalana, a Federación d'Organitzacions per la Llengua Catalana ou o Centre Cultural Euskal Extea, entre outros. Para máis información, poden consultar a web http://defensemlallenguagallega.blogspot.com/.

Versió PDF Imprimeix
Col·labora amb Tribuna.cat
Si vols fer una aportació econòmica, emplena les següents dades, escull la quantitat econòmica que vols aportar i el mètode de pagament que prefereixis. Estem molt agraïts per la teva col·laboració.
COL·LABORA-HI
Indica publicitat