Guillerme Vázquez estreouse como portavoz nacional do BNG no Día da Patria Galega cunha mensaxe cargada de optimismo e cun chamamento á unidade da formación frontista. "Aquí estamos os que non renunciamos, nin renunciaremos xamais á Patria Galega", afirmou perante milleiros de militantes
e simpatizantes -uns 20.000 segundo a organización- que, entre bandeiras e faixas, responderon á chamada de "Movámonos polo galego e polo emprego". Nas súas primeiras verbas como líder nacionalista na Praza da Quintana, Vázquez admitiu que "ás veces podemos sentir certo desalento". Porén, asegurou que o BNG foi quen de superar "con éxito" a "perda" da Xunta. "Eliximos reaccionar e non nos lamentar", engadiu. "Co marcador a cero, aprendendo do pasado, pero sen quedar atados a el", o portavoz do BNG animou os simpatizantes a integrase nas filas da organización. "Todos cabemos neste proxecto común e vós sodes os únicos imprescindíbeis", sentenciou.
O manifesto imprimiulles folgos e ilusión aos milleiros de persoas que respondían con aplausos e consignas cada frase de Vázquez, que expresou con optimismo a súa confianza nas posibilidades futuras do BNG. "Se fomos capaces de sobrevivir e vencer o PP de Fraga, sobreviviremos e venceremos o PP de Núñez Feixóo". O BNG "volverá gobernar Galiza", sentenciou.
As críticas ao novo Goberno do PP centraron boa parte da intervención do líder do BNG. Así, Vázquez denunciou as "desapiadadas agresións" da Xunta "á identidade" de Galiza. "O noso idioma sofre un ataque sen precedentes. Nesta liña, acusou a Alberte Núñez Feixóo de seguir unha política que aspira a "impoñer" o castelán "como único idioma". "Que non se enganen, non o conseguirán", advertiu. O portavoz nacional do BNG lembroulles aos conservadores que os galegos lles deron a súa confianza "para algo máis que para facer enquisiñas sobre o galego ou botar abaixo un concurso eólico e favorecer os seus amigos".
A crise económica tamén estivo presente no manifesto do BNG, que se solidarizou co conflito do metal, cos traballadores de Caramelo, de Treves, de Pascual e dos produtores leiteiros. Ao tempo, Vázquez lamentou que a Xunta "non defenda os intereses de Galiza".
Como alternativa á política do PP, o nacionalista propuxo un "Estatuto de Nación, un Estatuto de primeira". Chegado a este punto, Vázquez acusou os socialistas de "argallar", xunto co PPdeG, "unha reforma que consolide o noso país na segunda división". "Pois que saiban que para ese fin non van contar co BNG", berrou. Neste marco, rexeitou o neoliberalismo e defendeu "outro modelo económico e político, onde se respecte o libre dereito dos pobos a decidiren o seu destino". Vázquez alentou o nacionalismo a traballar arreo a prol de Galiza tirando dos versos de Manuel María, "Berrade, erguédevos, loitade, deica que, todos xuntos, academos a liberación nacional da Nosa Patria!".
A lectura do manifesto puxo o punto final á manifestación convocada cada ano polo BNG para celebrar o Día da Patria. Teresa Táboas, coordinadora executiva da formación, foi a encargada de presentar o acto da Praza da Quintana, para darlle paso a continuación a Iria Aboi, secretaria xeral de Galiza Nova. A responsábel da organización xuvenil alertou a mocidade das "falcatruadas" de Feixóo e pediu "esforzo e movemento" para que Galiza non perda "os seus sinais de identitarios".
"Veñen contarnos, pero non poden porque somos miles e miles"
A manifestación, que saíu o domingo pasadas as 12.00 horas da Alameda de Santiago, transcorreu tinguindo de azul, branco e vermello as rúas compostelás. Á fronte da faixa principal situouse a Executiva en pleno da formación. Tamén fixeron acto de presenza os distintos cargos institucionais, os membros do Consello Nacional e mais os ex portavoces Anxo Quintana e Xosé Manuel Beiras. Ademais, arrouparon ao BNG representantes de CDC, de UDC e de ERC, como Oriol Junqueras, do PNV, como o senador Iñaki Anasagasti, que subliñou a "boa relación" do BNG co seu partido, e representantes de EA, Nafarroa Bai e Aralar, entre outras organizacións internacionais.
A anécdota da xornada tivo lugar cando un helicóptero da Policía sobrevoou a pouca altura varias veces a Praza da Quintana mentres Guillerme Vázquez lía o seu discurso. Logo de facerse un silencio, os manifestantes asubiáronlles ás forzas de seguridade, mentres que o líder nacionalista ironizou, "veñen contarnos, pero non poden porque somos miles e miles".