"Está garantido democraticamente o resultado das eleccións". Así de contundente responde o candidato socialista á presidencia da Xunta, Emilio Pérez Touriño, sobre a polémica do voto emigrante. E é que malia os tentos do BNG de depurar o Censo de Residentes Ausentes (CERA) e de estabelecer o voto en urna, para os comicios do 1 de marzo, o PSOE atrasou a reforma da Lei Electoral en Madrid e os emigrantes seguirán a votar por correo e sen un mínimo control.
Unha vez máis, chegarán para Galiza sufraxios do alén, de xente que leva máis dunha década morta, mentres que os propios galegos embarcados non poderán gozar do seu dereito ao voto. Con todo, o actual presidente da Xunta apunta que "non debemos utilizar determinados elementos da campaña electoral como é poñer en dúbida os resultados electorais. Fraco favor lle facemos ao país".
Touriño considera que o resultados das eleccións galegas será produto "masivamente" dos votos e aposta por non sementar dúbidas sobre a lexitimidade dos resultados na emigración. Non obstante, e malia as declaracións do socialista, o PSOE atrancou no Congreso a reforma legal para que os votos da diáspora sexan depositados en urnas nas embaixadas dos respectivos países, proposta que foi aprobada por unanimidade no Parlamento galego. Cabe lembrar que o partido que goberna en Madrid sempre gañou as votacións no exterior e que os sufraxios a prol dos nacionalistas galegos nunca superaron o 5 por cento. Ademais, o CERA multiplicouse por dez desde o nacemento da autonomía. Hoxe hai máis votantes do Censo de Residentes Ausentes que en Lugo e Ourense e que nalgúns concellos. En Avión hai máis votantes da diáspora que do propio municipio.
Na súa ofensiva contra o chamado "pucheirazo" o BNG reclamoulle ao Goberno español nos últimos días que informe sobre os convenios subscritos cos departamentos de correos doutros países para impedir a fraude no voto emigrante. O senador Xosé Manuel Pérez Bouza solicitoulle ao Executivo que cuantifique os cartos públicos destinados a "estimular a participación electoral" entre o colectivo emigrante.
O nacionalista lembrou que os cidadáns inscritos no CERA "non poden exercer o dereito ao voto libre, secreto e directo, por mor de que o sistema vixente de voto por correo préstase a todo tipo de manipulacións e vulneracións pola falta de verificación da documentación que se esixiría no Estado español, polo que se vulnera ademais a igualdade para o exercicio do dereito ao voto". "Algúns funcionarios non piden ningún tipo de identificación e acreditación que verifique que a persoa que entrega o sobre é a mesma que exerce o voto", engadiu.
O candidato do BNG á presidencia, Anxo Quintana, volveu mostrarse crítico co voto exterior, ao que cualificou de "escándalo antidemocrático". O nacionalista considera "inaudito" que "á altura dos tempos" poidan votar "até os mortos". "Os votos métense en sacas como na época de Romanones e se levan por mecanismos de correo que están en mans privadas. Nin sequera é o Estado quen os salvagarda", apunta.
En calquera caso, Quintana di que a "incógnita" das eleccións galegas é "canto vai subir o BNG" e prevé que o PSOE "non terá un resultado moi diferente" e que o PP non logrará a maioría absoluta. Nesta liña, aduce que o candidato popular á Xunta, Alberte Núñez Feixóo, é "depositario" da herdanza do ex presidente da Xunta, Manuel Fraga, e alude a que o PPdeG non poderá gobernar en Galiza porque "se exclúe do diálogo".