A pouco máis dun mes da investidura de Alberte Núñez Feixóo como presidente da Xunta, o PP xa comezou a utilizar o Parlamento como órgano co que impulsar os seus intereses. Coa intención de facerse co control da CRTVG canto antes, os populares aceleraron ao máximo todos os trámites no Hórreo.
A xefa da Cámara, Pilar Rojo, convocou a Mesa do Parlamento o pasado venres, día 22, para a cualificación e admisión a trámite do escrito da Xunta comunicando o candidato para a dirección da CRTVG. Abordouse un asunto que se ía decidir no Consello da Xunta do día seguinte.
O BNG atribuíu estas "irregularidades" ás "présas do PP por controlar a compañía en plena campaña electoral". A comparecencia do director Xeral de Relacións Institucionais para comunicar a proposta de Sánchez Izquierdo foi axilizada grazas ao "coñecemento previo" por parte da presidenta do Parlamento dos asuntos a tratar no Consello da Xunta. O portavoz nacionalista na Cámara, Carlos Aymerich, aludiu á "información privilexiada" que "pon de manifesto a confusión de Executivo e Lexislativo".
As manobras dos conservadores derivaron na imposición do candidato do PP, que tomou hoxe cargo despois de ser nomeado presidente do ente público galego no Consello da Xunta celebrado onte. Para amosar o seu desacordo coa imposición de Sánchez Izquierdo, tanto o BNG como o PSdeG abandonaron a Comisión Institucional na que se lles ía comunicar a proposta do xa director da CRTVG.
O PP incumpriu unha vez máis outra das súas promesas electorais máis significativas, tratar de pactar entre as forzas parlamentares o presidente da CRTVG. Feixóo mantivo contactos ao respecto co PSdeG nos que deixou á marxe os nacionalistas. O mandatario conservador mesmo afirmou que pactou o nome do responsábel do ente público cos socialistas, respaldo que foi inmediatamente desmentido polo PSdeG. Populares e socialistas chegaron a propor varios candidatos e, ao non chegar a un acordo, Feixóo impuxo a súa escolla. En todo caso, é un claro incumprimento das promesas da campaña electoral, pois o BNG non foi convidado ás "conversas preliminares".