Desde hai tres semanas, o sinal da TVG non chega aos televisores do Eo-Navia. O mesmo podería acontecer co apagamento analóxico dentro dun mes no Bierzo e en marzo do 2010 nas Portelas. Neste contexto, colectivos como Abertal ou Fala Ceibe amosan a súa preocupación e reclaman un acordo entre os respectivos Gobernos para que a Galega chegue por TDT.
Tamén o BNG e o Partido do Bierzo (PB) adiantan iniciativas a prol do sinal da TVG a estas zonas. Coa chegada da Televisión Dixital Terrestre (TDT), as áreas estremeiras ficarán sen a Galega. A Xunta de Galiza xa se amosou aberta á darlle continuidade ao sinal, pero só estendería a TVG "de acordo coa colaboración" dos respectivos Gobernos autonómicos. O pasado 23 de novembro, as Cortes de Castilla y León rexeitaron unha proposición non de lei do PSOE para darlle continuidade á recepción do sinal da TVG no novo formato dixital no Bierzo. A medida do deputado Pedro Nieto -na que se instaba a Junta a acordar un convenio de colaboración coa Xunta de Galiza- foi desbotada polo Grupo Parlamentario do PP.
Deste xeito, a partir do 31 de decembro, os bercianos non poderán ver o Luar -un dos programas de máis audiencia na comarca estremeira- nin o Xabarín Club -que chegou a contar con 1.200 socios da zona.
O PP castelán-leonés alegou que a lexislación estatal da televisión dixital impide a emisión e a recepción das televisión autonómicas fóra do ámbito das autonomías. Con todo, hoxe en día algunhas televisións dixitais emiten o sinal fóra do seu territorio. A televisión catalá vese en Aragón e en Valencia, a televisións vasca recíbese en Navarra e a televisión andaluza chega a Ceuta e mais en Melilla.
Defensa do PB e de Fala Ceive
Iván Alonso, secretario xeral do Partido do Bierzo (PB), critica que "o PP defende que as fronteiras non deben existir e o primeiro que fan é pór unha fronteira para que non se vexa na comarca a TVG, que pasou a formar parte do sinal de identidade e da cultura dos bercianos". "A aceptación da Galega no Bierzo é indiscutíbel", asegura Alonso. De aí que o Partido do Bierzo vaia pedirlle axuda ao Consello Comarcal do Bierzo para intentar que a Xunta de Galiza e a Junta de Castilla y León cheguen a un acordo.
O colectivo Fala Ceive -que defende o sinal da TVG no Bierzo e nas Portelas- dirixiuse aos partidos do Congreso dos Deputados para reclamarlles unha solución. "Tamén estamos á espera do que se debata a iniciativa do BNG no Parlamento galego e estudamos acudir ao Parlamento Europeo", explica Xabier Lago. Fala Ceive tamén prevé contactar co Valedor do Pobo en Galiza e co Defensor del Pueblo no Estado español para que cumpran co dereito da veciñanza. "Estamos a recibir numerosos correos nos que os bercianos piden a continuidade da TVG", explica Lago, que tamén pedirá que interceda o Consello Comarcal do Bierzo.
Eo-Navia, sen TVG desde hai tres semanas
O apagamento analóxico xa chegou ao Eo-Navia, segundo asegura Carlos Varela, da asociación Abertal. "Desde hai tres semanas non podemos ver a TVG", sinala. Ante o anuncio da Xunta de garantir a continuidade da Galega co apagamento analóxico, a Secretaría Xeral do Principado -que ve unha "inxerencia" na postura de Feixóo- respondeulle ao Executivo galego que "as competencias entre Asturias e Galiza rematan nos límites exactos dos territorios".
"Aquí o PP está a favor de manter a TVG no Eo-Navia, o PSOE non se pronunciou e Izquierda Unida é o grupo máis belixerante, está completamente en contra", apunta Varela. Segundo Abertal -que estuda emprender iniciativas para recuperar o sinal da TVG- "todos os habitantes do Eo-Navia queren a Galega". A meirande parte dos alcaldes dos concellos do Eo-Navia apoian a continuidade do sinal da Galega no territorio e ven a iniciativa "enriquecedora". Só a alcaldesa do Franco o considera "unha intromisión".
O BNG leva o sinal da TVG nas zonas estremeiras ao Parlamento galego
O BNG, a través dos deputados Bieito Lobeira, Ana Luísa Bouza e Ana Pontón, presentaron no Parlamento unha pregunta oral para a súa resposta en Pleno e unha proposición non de lei para que a Xunta tome as medidas que posibiliten a recepción do sinal da TVG logo do apagamento analóxico no Bierzo, nas Portelas e no Eo-Navia.
Iniciativa Lexislativa Popular en defensa dunha "televisión sen fronteiras"
O periodista e escritor Afonso Eiré, o presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro, ou os ex presidentes da Generalitat Jordi Pujol e Pasqual Maragall son algúns dos representantes sociais e políticos que apoian unha Iniciativa Lexislativa Popular no Congreso dos Deputados (ILP) para crear unha televisión sen fronteiras.
O proxecto de lei, de ámbito estatal, que promulga esta ILP ten por obxecto garantir a recepción directa das emisións de radio e televisión autonómicas realizadas totalmente ou maioritariamente nas linguas incluídas no ámbito de protección da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias nas outras comunidades autónomas coas que comparten lingua. A iniciativa -que xa foi aceptada a trámite- deberá recoller un mínimo de 500.000 firmas no Estado español nun máximo de nove meses.