Milleiros de persoas, 50.000 segundo a Mesa pola Normalización Lingüística, que convocou a marcha, ateigaron as rúas de Compostela o pasado domingo en defensa da lingua galega. A chuvia non foi quen de minguar o éxito da manifestación.
Nalgunhas peaxes da autopista AP-9 perto de Santiago houbo grandes retencións que atrasaron o acto. O presidente da Mesa, Carlos Callón, viuse na obriga de ler dúas veces o manifesto debido a cantidade de persoas que non lograran acceder a unha praza da Quintana repleta. No discurso, Callón, subliñou que "é a maior manifestación polo galego da Historia" para a continuación atacar a derrogación do decreto que promove o galego no ensino, prometida por Alberte Núñez Feixóo.
No estrado, o presidente da Mesa cualificou a varios conselleiros de "analfabetos en galego", por dicir que non saben falar a lingua. Tamén lembrou que Rosa Quintana, conselleira do Mar, se negou a xurar o seu cargo no idioma do país. "Que o aprenda!" coreou en resposta a multitude. O manifesto foi lido por varios persoeiros e intelectuais, entre eles o histórico galeguista Avelino Pousa Antelo e as escritoras Teresa Moure e Iolanda Castaño. Nel denunciaron a "mentira" de que o bipartito tentou impor o idioma. Tamén aludiron ao estudo da Real Academia da Lingua, que mostra como nos últimos doce anos caeu á metade o número de persoas que falan habitualmente galego.
Na protesta houbo faixas de, entre outras organizacións, o BNG, representado polo seu novo voceiro nacional Guillerme Vázquez e numerosos deputados, CNT, Adega, STeG, SLG, UPG, RadioFusión, 'Galego Sempre Máis' e CIG. Case todas elas organizacións próximas ao nacionalismo, pois o PSOE decidiu finalmente non acudir ao acto. Na protesta participaron escritores como Xurxo Borrazás ou Manuel Rivas, que destacou a importancia da protesta.
Malia a multitude que saíu á rúa para protestar contra a política lingüística do Goberno de Feixóo, o PPdeG anunciou que xa puxo en marcha o proceso para derrogar o decreto do galego. Como resposta, a Mesa advertiulle de que o próximo curso vai comezar cunha folga xeral que "paralizará todo o sistema educativo dende primaria até o ensino universitario". O comezo dos trámites para a derrogación do decreto non foi o único anuncio de Educación. E é que a consellaría admitiu que eliminará a obrigatoriedade de que un ou máis dos exames das oposicións se realicen "exclusivamente" en galego, como estabelecía a modificación vixente da norma que regula a Función Pública galega aprobada polo bipartito en 2008. Feixóo pretende deste xeito posibilitar a "mobilidade" dos cidadáns en todo o Estado e que non se vexa "limitada nin menoscabada" por ningún tipo de "barreiras lingüísticas". Neste escenario, a CIG-Ensino, sindicato maioritario no sector, apuntou que a iniciativa do PP para modificar a lei constitúe "unha auténtica provocación" e unha mostra do "odio" que a Xunta, con Núñez Feixóo á fronte, lle profesa ao galego.
O conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, foi máis alá da derrogación do decreto do galego e da intención de suprimir a obrigatoriedade do galego nas oposicións. O responsábel da Xunta declarou no Parlamento que o Plan de Normalización Lingüística "non é unha obriga legal". O BNG manifestou a súa "preocupación" por que nas primeiras semanas do novo Goberno os pactos ao redor da lingua "están sendo literalmente dinamitados" e citou os ámbitos educativo, as probas de acceso para os traballadores da Administración e a posibilidade de admitir como oficiais topónimos castelanizados "impostos no seu día polo franquismo".