Indica publicitat
Dijous, 9 de de juny del 2022
CASTELLANO  |  ENGLISH  |  GALEGO  |  FRANÇAIS
tribuna.cat en format PDF
Cerca
Dijous, 28 de de febrer del 2008 | 16:08
Crònica · Galiza

Debate inédito entre os tres líderes políticos galegos

O Hotel Monumento San Francisco, en Santiago de Compostela, acolleu o primeiro debate en período electoral que reuniu os líderes dos tres partidos con representación parlamentaria. Ás sete da tarde, as forzas de seguridade tomaban os arredores do convento mentres os afectados polas obras do AVE á altura de Serrabal, en Vedra, agardaban a chegada do presidente, Emilio Pérez Touriño, do vicepresidente, Anxo Quintana, e do líder do PPdeG, Alberte Núñez Feixóo. As cámaras da TVG estaban a punto para televisar un debate sen precedentes en Galiza. Por diante quedaban 70 minutos, con descanso de cinco minutos e catro bloques temáticos de 15 minutos cada un.

Malia que houbo alusións ás eleccións xerais, o debate baseouse, sobre todo, na política autonómica. Touriño subliñou os avances en materia social do Goberno de Madrid e Feixóo tratou de centrar o debate nun cara a cara PSOE-PP. Pero o líder nacionalista foi quen de destacar entre ambos os dous partidos e defendeu a súa idea central ao longo de todo o discurso, "o BNG ten que ser unha forza decisiva en Madrid para que Galiza avance.

A organización do debate, que estivo a piques de non celebrarse polas diverxencias entre o PPdeG e o PSdeG-PSOE, estivo presente nos comezos do encontro. Touriño dixo que "o diálogo aberto é a mellor vitamina para o país". Quintana, que durante semanas reclamou a celebración do debate, apuntaba que a reunión dos tres políticos "non foi sen tempo". Pola súa banda, Feixóo aplaudiu a presenza do presidente da Xunta e lembrou a ausencia de Touriño no encontro televisado o pasado ano durante o período electoral das municipais.

A economía presidiu o primeiro bloque de contidos. Touriño asegurou que a economía galega creceu "máis que as sete maiores economías de Europa" e presentou catro medidas a tomar, licitación da obra pública, devolución de recursos ás familias, activación do fondo para complementar as pensións e volveu citar a súa promesa máis repetida, a supresión do imposto de sucesión e doazóns. Pola súa banda, o nacionalista Anxo Quintana apostou pola economía produtiva e subliñou a capacidade do sector naval, do sector primario, da I+D+i e a valorización enerxética. Feixóo reclamou solucións á economía, malia que el non propuxo ningunha, e limitouse a cargar contra a xestión socialista.

O debate brillou cando comezou a quenda das infraestruturas. Mentres Feixóo, que era o primeiro en tomar a palabra, predicía que o AVE chegaría a Galiza no 2020, Touriño aseguraba que os galegos contarían co AVE no prazo fixado, o 2012. Quintana criticou o popular e dixo que con capacidade de decisión do BNG en Madrid, "Galiza terá AVE".

O autogoberno foi outro dos grandes asuntos que os tres políticos trataron. Feixóo, ao que outra vez lle tocou comezar, apuntou que "o autogoberno conxelouse neste lexislatura". Pola súa banda, Touriño contrapuxo a "España que se rompe" de Mariano Raxoi coa "España Plural" de José Luis Rodríguez Zapatero. O vicepresidente da Xunta quixo lembrar o fracaso da reforma do estatuto e culpou a Feixóo por non ter chegado a un consenso. Aquí produciuse unha das poucas réplicas de Feixóo a Quintana. O popular díxolle ao nacionalista que tamén Touriño dixera que "Galiza non era unha nación" e que o  presidente da Xunta tampouco quería o Estatuto de nación que reclamaba o BNG. Touriño apuntou entón que non hai Estatuto novo porque "Raxoi falloulle unha vez máis a Galiza" por non deixarlle pactar a reforma.

Na última parte, tratáronse as materias sociais. Mentres Touriño facíalle unha chiscadela á "nena de Raxoi" asegurando que en Galiza tería dentista e libros de balde, podería viaxar ao estranxeiro para estudar inglés..., Quintana expuña os logros da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e citou a rede de galescolas, as residencias para maiores ou os centros de día. O líder do PPdeG rexeitou o optimismo do bipartito e lembrou que as pensións galegas son as máis baixas do Estado.

Versió PDF Imprimeix
Col·labora amb Tribuna.cat
Si vols fer una aportació econòmica, emplena les següents dades, escull la quantitat econòmica que vols aportar i el mètode de pagament que prefereixis. Estem molt agraïts per la teva col·laboració.
COL·LABORA-HI
Indica publicitat