O sector leiteiro xógase o seu futuro nas reunións que están a celebrarse en Bruxelas. Co fin de concienciar a cidadanía da transcendencia das decisións que adopte nesta xeira de encontros a Unión Europea (UE), o Sindicato Labrego Galego (SLG) emprendeu unha campaña de concentracións, accións informativas e un espazo de encontro nas rúas de Compostela do 1 ao 6 de setembro.
O sindicato solicita que tanto os eurodeputados como os ministros europeos -entre eles a responsábel do Estado español, Helena Espinosa- estabelezan un prezo mínimo para o leite que cubra os custos de produción e que remuneren os traballos dos gandeiros e gandeiras.
Ademais, demandan políticas de regulación do mercado lácteo comunitario, a redución da cota global europea e a redistribución dos dereitos de produción. A secretaria xeral do SLG, Carme Freire, explicou que "canta máis cantidade de leite se venda ao mellor ofertante, máis familias haberá arruinadas".
O SLG alerta na campaña de concienciación á sociedade galega de que a liberalización do mercado leiteiro prevista para o 2015 -ano no que se prevé que desaparezan as cotas lácteas- compromete o futuro das granxas de toda Europa, que xa se atopan nunha situación límite polos baixos prezos do produto.
Plantón de PP, PSOE e EU
A secretaria de Organización do SLG, Lidia Senra, asegurou na presentación do encontro organizado por este sindicato agrario e os grupos parlamentares que os representantes de PP, PSOE e Esquerda Unida convocados ao acto non responderon ao seu chamamento e ausentáronse, deste modo, do debate que pretendían manter. Só participaron representantes do BNG.
O obxectivo das conversas do SLG cos grupos políticos era coñecer a posición das catro formacións representadas no Parlamento Europea sobre a necesidade de estabelecer un prezo mínimo para o litro de leite; a redución da cota global da UE e a redistribución da cota de produción entre os estados membros e o control público da produción para adecuar a oferta e a demanda, ademais da regulación dos mercados.
No encontro, o responsábel do BNG, Guillerme Vázquez, sinalou que a actual política europea para o sector lácteo está encamiñada á súa "desaparición" e, por iso, insistiu na necesidade de realizar "un cambio" que, ademais, impulse unha redistribución da cota leiteira entre os estados membros. Nesta liña, avogou por unha "política pública de intervención" sobre os prezos e os mercados lácteos europeos, que no caso de Galiza está vinculado, segundo subliñou, a un "sector estratéxico". Así, apuntou á intervención dos poderes públicos en casos como o dos tipos de interese anual, o prezo da gasolina ou dos vehículos. "Cando hai que botarlle unha man á banca porque se esborralla, aí non hai problema en meter miles de millóns de euros", criticou.
A UE di que a crise leiteira tocou fondo
Mentres os gandeiros e gandeiras se afanan en amosar o contexto precario no que traballan, a comisaria de Agricultura, Mariann Fischer Boel, asegura que a crise do sector leiteiro "tocou fondo". Malia que admitiu que a situación é "gravísima" apuntou que comezan a verse "certos sinais no bo sentido" que indican unha recuperación.
Un estudo recente da Comisión Europea revela que os gandeiros e gandeiras percibiron un 31% menos polo litro de leite durante o primeiro semestre deste ano. Ao tempo, o prezo rexistrado polo leite nas superficies comerciais europeas entre xaneiro e xullo só se reduciu un 2%.
A pesares das reivindicacións dos produtores europeos, a responsábel da UE ratificou na súa comparecencia ante a nova comisión de Agricultura do Parlamento Europeo que as cotas de produción "van desaparecer no 2015". Ao seu entender, manter o sistema de cotas significaría "frear de golpe" uns "avances" que os produtores galegos non aprecian.