Un dos grandes logros dos nacionalistas no seu paso pola Xunta, as Galescolas, deixan de existir para pasar a ser "A galiña azul". E é que o PP decidiu adoptar a imaxe dun conto do escritor Carlos Casares en símbolo do novo modelo de escolas infantís, unha fórmula coa que os conservadores tratan de facer desaparecer todo contacto das crianzas co galego.
O BNG subliña que unha vez máis, o Goberno de Alberte Núñez Feixóo demostra que a súa liña de acción a nivel educativo é combater a lingua. Para trocar os carteis das Galescolas creadas pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar do bipartito, o PP non ten en conta a tan proclamada "austeridade económica", xa que en dúas semanas se executará o cambio de rotulación de 110 centros. Así, os nacionalistas censuran que para abrir novas escolas para meniños e meniñas e para continuar co modelo de gratuidade universal de libros de texto impulsado polo bipartitonon hai diñeiro, pero para cambiar o rótulo e o nome das Galescolas e para subvencionar colexios que segregan nenos de nenas si hai fondos.
O Grupo Parlamentar do BNG xa esixiu explicacións das "verdadeiras razóns" do cambio da denominación das Galescolas, ademais de denunciar que a Xunta non está a dotar de medios as escolas infantís que o bipartito deixou construídas.
"Aguia imperial franquista e gaivota do PP"
O portavoz de Lingua do BNG, o deputado Bieito Lobeira, referiuse ao "insulto colectivo" que constitúe a substitución "ridícula" da denominación das escolas infantís, de Galescolas a "A galiña azul", unha iniciativa presentada por Xesús Vázquez e Beatriz Mato, dous conselleiros que considera "membros destacados pola súa aversión á lingua". Para o deputado nacionalista, "a pretendida neutralidade" e "liberdade" que o PP quere vincular á eliminación da simboloxía non casa cos "criterios claramente ideolóxicos e políticos" da súa proposta, que Lobeira cualificou de "cruce híbrido entre a aguia imperial franquista e gaivota do PP". "O que o PP quere é eliminar calquera vestixio do paso do nacionalismo galego polo goberno deste país", engadiu.
Na época do bipartito ofertáronse máis de 3.000 prazas en escolas infantís, cinco veces máis que as que había no 2005. En case tres anos e medio, os nacionalistas crearon máis do triplo de centros de ensino para crianzas que o PP en 16 anos de Goberno.
Ao respecto do uso da lingua no ensino infantil, os nacionalistas destacaron que o marco legal actual "impide a posta en marcha do proxecto do PP, que significaría modificar a Lei de Normalización Lingüística, que de forma taxativa prohibe a segregación. Os nenos galegofalantes non poden ser tratados como apestados". Tamén remarcaron que "altos cargos do PP apareceron en manifestacións en que si se falaba de segregación, e financian campañas de colectivos que a apoian", e tamén "falan de adoutrinamento, pero no espazo educativo de 0 a 3 anos ven necesaria a presenza da relixión".