Constituída baixo a consigna 'Se resides, decides', creouse a primeira plataforma popular que pretende traballar pola reforma profunda da Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral. O colectivo entende que o voto ha de ser un dereito de residencia, non de herdanza, que deben exercer todas as persoas que residen de forma estábel e permanente en Galiza. Tamén procurará "que os dereitos que se lles recoñecen ás persoas de orixe galega que residen de xeito permanente no estranxeiro se regulen de acordo con esa situación".
Os primeiros alicerces deste organismo cívico tratan de darlle resposta "ao amplo sentir cidadán crítico coas manifestas eivas do sistema electoral". E é que mentres aos mariñeiros, aos penados e aos inmigrantes se lles mingua ou non se lles permite exercer o dereito ao voto, aos residentes no exterior recoñéceselles dereito pleno a decidir nun país que non habitan.
Malia que o grupo co que parte a plataforma é reducido, caracterízase pola pluralidade. Entre os vinte persoeiros que apoian a iniciativa atópanse representantes do tecido económico, social, cultural e intelectual galego. A cantante e compositora Uxía Senlle é unha das persoas que ofreceu o seu apoio. "A iniciativa parte dunha reivindicación xusta que transcende a política. Nós recollemos a demanda da sociedade, porque día a día podemos comprobar a sensación de manipulación do voto emigrante", explica. "Agora cómpre que os partidos reflexionen e que teñan en conta o diálogo coa sociedade. En todo caso, é necesario que se cree debate ao redor da depuración do voto", engade.
Miguel Barros, presidente de Promocións Culturais Galegas, subliña que "é cada vez máis impopular que decisións que poden ser cruciais estean avaladas por emigrantes que descoñecen a realidade do país". Ademais de referirse á especulación do voto na diáspora, Barros ve necesaria a reforma profunda da Lei Electoral "para garantir a credibilidade do sistema". "Non podemos vivir de costas á realidade política, temos que apelar os partidos para modificar a lei xa non só pola dignidade dos electores, tamén pola dignidade dos propios emigrantes", apunta.
O economista Víctor Moro, que critica os "actos circenses" que celebran os partidos políticos alén de Galiza cando chega o período electoral, concorda "coa idea xeral". "Que razón hai para que os que estiveron durante anos en Barcelona, coma min, e os mariñeiros non poidan votar aquí?", pregúntase. Con todo, considera que cómpre "pulir" a iniciativa. De aí que condicione o seu apoio a que "se manteñan e mesmo se incrementen as relacións sociais, culturais e económicas cos emigrados, as axudas que se lles dan e mais as figuras de apoio aos emigrados que máis o necesitan".
A plataforma desenvolve o seu labor en dúas fases. A primeira, que culmina o 1 de marzo, diríxese aos partidos que presentan candidaturas para os instar a que adquiran o compromiso de iniciar todas as xestións que estean ao seu alcance. Na segunda fase traballará para que a nova lei contemple as súas reivindicacións. Con esta perspectiva, actuará perante "os poderes públicos" e emprenderá "unha campaña de sensibilización social".
Para adherirse á campaña, pódese acceder á web www.seresidesdecides.com.